Convídame Varela a que vos escriba algo relacionado co fantástico título deste blog. A verdade é que debo levar uns vintecinco anos sen poder negarme a nada do que me propón, así que desta volta non lle botedes a culpa a Yoko Ono, porque non a ten. A culpa é súa. De Varela.
O rock and roll é un hábito tan estimulante como nocivo. Como case todo en Farmacia, a posoloxía é determinante. O problema é que rara vez temos un contador geiger á man para medir a intensidade da radiación. E existen ocasións nas que a radiación acada niveis elevados. Moi elevados. En calquera caso, o positivo desta curiosa doenza é que, igualmente que cando ides ao mar, é oportuno que vaiades acompañados. Permitirá que manteñades unha certa cordura ou que polo menos minimicedes os eventuais danos. E, ademais, serávos de axuda para alixeirar as secuelas decibélicas e adrenalínicas.
Porque o rock and roll é basicamente iso, miñas caras e meus caros. Decibelios e adrenalina. Tanto ten a espantosa cantidade de lustros que carguedes nos vosos apesarados ombros. Tanto ten o pouso que o amargor da vida teña deixado no fondo dos vosos ollos. Tanto teñen os ventos de cara, as desilusións, o esforzado labor erosivo do desengano. Nada importa. No momento no que baixen as luces e os decididos acordes de aquela canción batan nas paredes do local, as vosas pesadas pernas experimentarán un inusitado vigor, que non obedecerá ás bondades da dieta Dukan ou ás esgotadoras sesións de pilates perpetradas. Sentiredes como os vosos pulmóns obvian o lastre do moco invernal para alentar con asombroso ardor xuvenil. O voso corazón esquecerá a tristura do desamor e comezará a bombear de novo. A enerxía tomará o control dese corpo que considerabades tan murcho coma unha pasa de Corinto.
Estaredes vivos de novo. O puto Elvis, os Beatles ou Stones, Led Zeppelin, AC/DC, Nirvana, Metallica, Artic Monkeys ou os Black Keys terán obrado o milagre de resucitarvos de entre os hipotensos.
É probábel que non vos aconteza con Melendi ou Alex Ubago. Non debedes preocuparvos. Falamos de rock and roll. Se coma Obelix caíchedes dentro da pota cando cativos, os efectos da poción serán permanentes en vós e faredes oídos xordos aos cantos de serea do Planeta Podre musicalmente omnipresente. De todos os xeitos, procurade non someter a blindaxe a unha exposición excesiva…
En fin, remato xa. Déixovos cun pouco de medicación para que fagades a proba. Ao bo de Wilko Johnson (ex Dr. Feelgood -ven vostedes como todo ten unha coherencia terapéutica?-) diagnosticáranlle unha enfermidade letal, e ante a funesta perspectiva decidiu saír de xira derradeira co seu amigo Roger Daltrey (ex The Who). Logo de experimentar esa fascinante transformación física que antes vos describín, Wilko (tal e como conta nesta entrevista en The Guardian) sorprendentemente viu como a enfermidade desaparecía, probabelmente escorrentada ante tanta obstinación vital.
Así que aí vos vai o vídeo. Sentide ese calor da mocidade apoderarse da vosa ernia e os vosos atrofiados meniscos. Se o podedes acompañar cunhas cervexas en boa compaña, pois moito mellor. Iso si, non vos penso prestar a Varela. É todo para min.
Comparte esto:
- Comparte en Facebook (Se abre en una ventana nueva) Facebook
- Compartir en WhatsApp (Se abre en una ventana nueva) WhatsApp
- Compartir en X (Se abre en una ventana nueva) X
- Haz clic en Pinterest (Se abre en una ventana nueva) Pinterest
- Compartir en LinkedIn (Se abre en una ventana nueva) LinkedIn
- Compartir en Telegram (Se abre en una ventana nueva) Telegram
- Compartir en Tumblr (Se abre en una ventana nueva) Tumblr
- Compartir en Reddit (Se abre en una ventana nueva) Reddit
Thanks, lads and gents, pola lectura e os comentarios. Un pracer atoparvos por estes lares…
Concordo plenamente contigo agás no punto no que mencionas a Don Ramón Melendi Espina … cuidadito ahí …o que desde 2003 ocupa un baleiro importante na escena musical neste país …nas verbenas … telderetes…e por suposto…. karaokes …
Lembre-se éxitos como » My rumba pa meus pés «, » Rúa pantomima » , «Barbie de extraradio «, » Batidos e afundidos »
… ufff….saca de ahí!!!!….levas toda a razón…
Grande coma sempre, e totalmente dacordo, esos efectos xa os vin en mais dunha persoa,e tamèn as aguxetas do día despois
Siempre he pensado que eras un filósofo.
Esto lo confirma.